Debate sobre «Canción dulce» de Leila Slimani
O martes, 7 de abril, ás 17.30h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se comentará a obra Canción dulce de Leila Slimani.
En Canción dulce Myriam, madre de dous nenos, decide reemprender a súa actividade laboral nun bufete de avogados a pesar das reticencias do seu marido. Tras un minucioso proceso de selección para encontrar unha coidadora, decídense por Louise, que rapidamente conquista o corazón dos nenos e se converte nunha figura imprescindible no fogar. Pero pouco a pouco a trampa da interdependencia vai converterse nun drama.
Leila Slimani (Rabat, 1981) é filla de pai marroquí e nai franco-alxerina. Ao terminar a súa formación no liceo francés de Rabat, marcha a París para matricularse no Instituto de Estudos Políticos e, posteriormente, na Escola Superior de Comercio, onde se especializa en medios de comunicación. Despois de exercer varios anos como xornalista en L’Express e Jeune Afrique, decide dedicarse por completo á literatura. Coa súa primeira novela, En el jardín del ogro (2014), onde aborda a adicción sexual feminina, recibe o recoñecemento unánime da crítica. Canción dulce, a súa segunda novela, consolida a carreira literaria de Slimani ao obter o Premio Goncourt 2016. En 2017 edítase en Francia o seu comprometido ensaio Sexo e mentiras. Actualmente é a representante francesa no Consello da Francofonía.