Debate sobre «Baba Yagá puso un huevo» de Dubravka Ugresic

Os martes, 5 e 19 de maio, ás 17.30h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terán lugar novas sesións do Club de Lectura, onde se comentará a obra Baba Yagá puso un huevo de Dubravka Ugresic.

Baba Yagá puso un huevo é un maxistral conto de contos que, cheo de enxeño e perspicacia, pon no punto de mira a archicoñecida figura da anciá perversa. Baba Yagá é unha criatura escura e solitaria, unha bruxa que rapta nenos e vive no bosque, nunha casa que se sustenta sobre patas de galiña. Pero tamén viaxa a través das historias, e en cada unha delas adopta unha nova forma: unha escritora que regresa á Bulgaria natal da súa nai, que, atormentada pola vellez, lle pide que visite os lugares aos que ela xa non poderá volver; un trío de anciás misteriosas que se hospedan durante uns días nun spa especializado en tratamentos de lonxevidade; e unha folclorista que investiga incansable a figura tradicional da bruxa. Anciás, esposas, nais, fillas, amantes. Todas elas conflúen en Baba Yagá. A cabalo entre a autobiografía, o ensaio e o relato sobrenatural, a súa historia convértese na de Medusa, Medea e tantas outras figuras malditas, debuxando un tríptico apaixonante sobre como aparecen e desaparecen as mulleres da memoria colectiva.

Dubravka Ugresic naceu en 1949 en Kutina, preto de Zagreb. Licenciouse en Literatura Comparada e Literatura Rusa e traballou na Universidade de Zagreb. Tras estalar a guerra dos Balcáns, exiliouse en 1993. Dende entón ensinou en universidades de Europa e América. A súa obra mantén o vínculo co seu país (memoria, exilio, emigración, identidade) cunha forte compoñente ética. Recibiu o Premio Charles Veillon ao mellor libro europeo de ensaio, o Premio Austria de Literatura Europea, o Premio Neustadt de Literatura Internacional ou o Premio ao Mellor Escritor Internacional da Royal Society of Literature, entre outros. Morreu en Ámsterdam en marzo de 2023.